Conectad@s

Fundación Amigos de Galicia emprende a campaña de recollida de tapóns de plástico solidarios “Conectad@s” destinada ao pago de ordenadores, táblets e conexión a internet para menores galegos en idade escolarizada co obxectivo de loitar contra a brecha dixital actual que viven moitas familias galegas con escasos recursos.


Esta nova campaña xorde dado elevado aumento de solicitudes que a entidade está recibindo nos últimos meses de familias galegas con menores a cargo que non contan cos dispositivos informáticos necesarios, así como con conexión a internet, para que poidan desenvolver o curso escolar en igualdade de condicións.


A entidade pretende que a campaña sensibilice á sociedade galega, e deste xeito, ponse como obxectivo poder cubrir o material informático e conexión a internet de 100 menores galegos en risco de exclusión social, en función dos recursos cos que a entidade conte.



A falta de conectividade dos fogares de nenos/as e mozos/as galegos/as limita a súa capacidade para desenvolverse no século XXI, e os leva a quedar atrás nos seus estudos por non poder desenvolver as tarefas escolares, que cada vez requiren de máis dispositivos informáticos. A brecha dixital perpetúa as desigualdades, quedando a educación moitas veces fóra do alcance dos menores que non teñen aceso a internet ou dispositivos informáticos suficientes.



Ademais, esta nova campaña tamén contempla o pago de necesidades escolares e tratamentos médicos para menores galegos en risco de exclusión social que puideran xurdir no desenvolvemento da mesma. Estas necesidades son por exemplo gafas graduadas, audífonos, e tratamentos médicos non custeados pola Seguridade Social, dado o aumento de solicitudes de axuda deste tipo.  


Falamos polo tanto, dunha campaña dirixida ás necesidades da infancia que terá en conta todas as solicitudes que teñamos no desenvolvemento da mesma, solicitudes que serán valoradas polo Departamento de Traballo Social de Fundación Amigos de Galicia.


Como funciona a campaña?


As persoas que queiran colaborar teñen á súa disposición unha listaxe en diferentes puntos de Galicia que colaboran coa entidade.


Así mesmo, aquelas entidades, empresas ou particulares que queiran unirse á listaxe de colaboradores e poidan almacenar a cantidade de quilos estipulada (500 kg), poden poñerse en contacto coa entidade no e-mail:

 comunicacion@fundacionamigosdegalicia.org



Outras vías de colaboración


Ademais da colaboración a través da campaña de tapóns solidarios, Fundación Amigos de Galicia abre a vía de colaboración a todas as persoas e entidades que desexen facer unha aportación económica mediante un BIZUM co código 02735.


Doazón de tablets de segunda man


A entidade tamén habilita as oficinas da entidade situadas en Santiago de Compostela (Avda. de Lugo,115); Pontevedra (Edificio Administrativo Benito Corbal), Ourense (Avda. de Portugal, 59) e Vilagarcía de Arousa (Avda. Matosinhos, 2) como puntos de recollida de tablets de segunda man en perfecto estado para poder dar cobertura desta necesidade entre os menores que atendemos.


As persoas que realicen doazóns e queiran un certificado de doazón teñen que enviar un correo a comunicacion@fundacionamigosdegalicia.org co xustificante bancario da doazón realizada.


Quen recibe esta axuda?


Os menores beneficiarios deste programa son menores de Galicia atendidos pola Fundación Amigos de Galicia que contan con informe social que ampara a situación de carencia de recursos económicos na que se atopan as súas familias; así como informe do centro escolar do menor.


A entidade está en contacto cos centros escolares de Galicia por se detectan algún caso dalgún menor que por atoparse a súa familia en risco de exclusión social, poida ter algunha carencia referida a este tipo de necesidades.


Fundación Amigos de Galicia tamén está a disposición dos centros para levar a cabo charlas nos centros sobre a importancia do voluntariado e a importancia de valores como a solidariedade ou coidado ao medio ambiente.


Tendo en conta a situación actual, estas charlas tamén poderán ser impartidas polo persoal da Fundación Amigos de Galicia en modalidade online.

Os centros escolares interesados en recibir estas charlas poden enviar un correo ao e-mail

comunicacion@fundacionamigosdegalicia.org ou chamar ao 672 706 182 para solicitar máis información.

Solicite axuda

Share by: