A historia de Iago
Iago Sánchez Ares, de Sada, nace o 11 de abril de 2011.
Nun primeiro momento ao pequeno non lle detectan ningunha anomalía, e non é ata os tres meses de vida cando o pediatra detecta que o perímetro cranial é máis pequeno do normal.
Despois de tres meses duros de probas médicas, o diagnóstico reflicte que os problemas débense a unha infección durante o embarazo do virus CITOMEGALOVIRUS, e dada a súa pronta infección durante a xestación son moitas as secuelas.
Iago non pode andar, padece epilepsia microcefalia, parálise cerebral, retraso psicomotor xeral, e ten moitos problemas respiratorios, pero iso non impediu que o pequeno transmita unha enorme fortaleza e alegría cando o coñeces.
Ante este diagnóstico, a Seguridade Social, tan só se fixo cargo dos tratamentos que precisa ata os dous anos de vida, tendo que asumir os seus pais o coste dos mesmos a partir dese momento.
Tendo en conta o coste alto e que na unidade familiar tan só pode traballar o pai, fáiselle imposible pagar ditos tratamentos, que ascenden a unha cantidade de 432€ ao mes. Ante esta situación, a Fundación Amigos de Galicia emprende unha campaña de recollida de tapóns solidarios para que Iago poida acceder a seis meses de tratamentos de Neuro Rehabilitación, Fisioterapia respiratoria e fisioterapia neurolóxica en A Coruña, tratamentos que melloran a súa calidade de vida.
Esta é a primeira campaña de recollida de tapóns de plástico que a familia leva a cabo, pero non é a primeira vez que solicitan a axuda da cidadanía para poder pagar dúas operacións de Iago en Madrid.
Os tratamentos dos que se fará cargo a Fundación Amigos de Galicia durante seis meses mellorarán a vida de Iago, e por iso vos pedimos toda a vosa colaboración.