XXX Grelo de Ouro- ONCOMET

XXX GRELO DE OURO- ONCOMET

  • Blurred Lines

    Photo by: John Doe
    Button
  • ACTA XXX GRELO DE OURO - ONCOMET
     
    Santiago de Compostela, a 22 de setembro de 2017
     
     
    Sendo as 11:00 horas do día 22 de setembro de 2017, reunido o Padroado da FUNDACIÓN AMIGOS DE GALICIA, Presidido polo seu Presidente, Miguel Villar Costoyas e actuando de Secretario titular do mesmo, Ramiro José F. Varela Cives, contando co asesoramento do Presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, José Ignacio Carro Otero; do Presidente de Honra, Ramiro Carregal Rey; do doutor José Domingo González Bahillo e do Fundador da entidade, Jesús Busto Peteiro para tratar a concesión do XXX Grelo de Ouro do ano 2017,
     
    Acorda:
    A proposta na Asemblea Xeral o 8 de xullo de 2017 en Outeiro de Rei, Lugo, e vistas as diferentes propostas, conceder o XXX Premio Grelo de Ouro ó grupo de Oncoloxía Médica Traslacional, ONCOMET, pertencente ao Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS).
     
    A Fundación Amigos de Galicia outórgalle este premio pola súa gran labor investigadora proxectada a un fin social, e por ter unha iniciativa de busca de recursos baseada na solidariedade, un método de financiación que permite a moitas organizacións do terceiro sector facer posible os seus proxectos. Estímase que en todo o mundo hai dez millóns de organizacións non gobernamentais, e xuntas conforman a quinta economía mundial, datos que reflicten a importancia dun sector que cada día alcanza máis relevancia, e onde a sociedade civil ten máis importancia.  
     
    Recoñecemos ao grupo dirixido polo Doutor Rafael López López, composto po 13 oncólogos e 50 profesionais de distintas disciplinas (biólogos, químicos, psicólogos, enfermeiros, auxiliares, etc.). Porque xuntos, desenrolan unha intensa actividade investigadora que se reflicte nos 100 ensaios clínicos feitos, 22 proxectos de investigación e 4 patentes, en catro laboratorios de vangarda entre os que se atopa a Unidade de Biopsia Líquida, onde están a estudar a evolución tumoral para obter información sobre os mecanismos polos cales se producen as metástases ou se activan as resistencias aos distintos tratamentos.
     
    A Biopsia Líquida é unha técnica que se basea no estudo de material celular e xenético tumoral presente en distintos fluídos biolóxicos, principalmente sangue, o que representa grandes vantaxes respecto ao convencional de análises de tecidos, porque se pode repetir cantas veces faga falta cunhas molestias mínimas para o doente e uns custes moito menores.
     
    O principal valor estriba en que simplemente cunha análise de sangue, unha mostra totalmente accesible, os oncólogos poden saber a que tipo de tumor se ten que enfrontar, estudar os mecanismos que interveñen na progresión tumoral, as recaídas despois dos tratamentos ou a resposta aos fármacos, posibilitando así que se poida elaborar un tratamento máis efectivo, máis personalizado para cada doente e para cada momento da doenza.
     
    Coñecedores das elevadas inversións que se precisan para levar a cabo estas investigacións, son as Administracións Públicas as que teñen a responsabilidade de dotar economicamente dos recursos necesarios para todos os tratamentos da saúde pública, sobre todo nas sociedades máis avanzadas. Sen embargo é o mecenado e o compromiso dos cidadáns, os que en moitas ocasións conseguen mellorar e dotar de máis recursos a estes proxectos.
     
    Entendendo que o mecenado, xunto co micromecenado, ou crowdfunding, e coa a transparencia e a visibilidade, son hoxe en día claves para potenciar a Sanidade en xeral e a labor investigadora en particular. Exemplo de elo é a recente doazón da Fundación Amancio Ortega con máis de 300 millóns de euros para que hospitais públicos españois invistan en equipos de última xeración, ou a iniciativa de outros galegos como Ramiro Carregal co seu apoio económico en estudos médicos e a ONGs.  
     
    A pesar de que se atopa en crecemento, en España tan só se obtén o 2 % dos fondos a través do mecenado, mentres que en Reino Unido representa o 40% e en Alemania o 27%. En Francia o 90% do mecenado provén das PYMES.
     
    O apoio dos cidadáns da sociedade foi, é e será cada vez máis clave para o desenrolo dunha sociedade máis desenrolada, culta, xusta e solidaria. E así o demostran os proxectos financiados con pequenas aportacións cidadás que fan posible que plans en diferentes ámbitos da sociedade se fagan realidade. É o caso, por exemplo, de proxectos de agricultura sostible, cooperativas e industrias que están sendo posibles en diferentes áreas de influencia como África, Asia ou América.  
     
    Esta teoría apoiase no estudo realizado polo Foro Internacional das Plataformas Nacionais de ONGs, que sostén que o número de persoas que doan en todo o mundo aumentou de 1,2 mil millóns en 2011 a 1,4 mil millóns en 2014 esperando para o ano 2030 que o número aumente a 2,5 mil millóns.

    Cabe destacar que España é o primeiro país do mundo en doazóns de órganos, e na comunidade galega realizáronse no ano 2016, 299 transplantes. En canto aos doantes repartíronse entre o CHU de Santiago, con 30; no CHU de Vigo 28; no CHU de A Coruña 17; no HU Lucus Augusti 11; no CHU de Ourense 7; no CHU de Pontevedra, 5; no CHU Arquitecto Marcide 5; no Hospital da Costa 2 e en Povisa 1. No caso das doazóns de medula ósea, o Rexistro de Doantes de Medula conta con máis de 190.000 doantes, e máis de 61.000 unidades sangue de cordón almacenadas.  

    Outro campo onde a participación cidadá é básica é nas doazóns de sangue, pois cada día son necesarias 500 doazóns de sangue diarias para cubrir todas as necesidades dos hospitais galegos.

    Todo isto é posible grazas á solidariedade dos cidadáns e cidadás que doan, polo que a sociedade tenlle que estar moi agradecida.

    Recoñecemos nos integrantes do grupo ONCOMET, a idea de pedirlle á Sociedade Galega que participara de xeito altruísta con pequenos donativos para captar recursos adicionais, unha iniciativa que finalmente lle esta posibilitando levar a cabo o proxecto de investigación dentro do campo da Biopsia Líquida.

    Coa concesión do Grelo de Ouro queremos premiar ademais aos cidadáns e cidadás que fan posible a laboura que desenvolven todas as entidades que se dedican a atender as necesidades das persoas máis vulnerables da nosa sociedade, ao desenvolvemento económico, educativo, formativo e cultural; así como aos médicos e médicas galegas que operan de forma altruísta en países con escasos recursos.
     
    Exemplo foi a resposta a esta campaña levada a cabo por ONCOMET, con mais de 11.500 doantes, case todos anónimos, que en pouco tempo doaron case 600.000 Euros, a parte de outras achegas feitas por entidades e asociacións que organizaron e seguen a organizar actos para recadar máis fondos que se destinarán á contratación de persoal e compra de instrumental e de material funxible, e que permitirá acurtar sensiblemente os prazos para obter resultados que permitan trasladar os achados máis axiña á practica clínica.
     
    Dende a Fundación Amigos de Galicia queremos animar ós cidadáns e cidadás a seguir apoiando este proxecto a través da campaña de micromecenado, como fará a Fundación Amigos de Galicia.
     
    Por todo este compromiso dos profesionais da medicina e dunha maneira especial ós que altruistamente colaboran dunha maneira desinteresada en solucionar os problemas da sociedade, consideramos máis que xusto recoñecer co XXX Grelo de Ouro a ONCOMET.
    Share by: